Exposición As Cores do Jazz en Verín


iria-blanco-exposicion-as-cores-do-jazz-verin-2015-cartel
As cores do Jazz, exposición de cadros de Iria Blanco Barca e esculturas de Xosé Rivada baixo o fío condutor da estética que revolucionou o universo musical do século pasado, chega á Sala de Exposicións de Verín o día 15 de xaneiro. Procedente da Galicia Atlántica (Alcaldía de Vigo e Capitanía de Baiona), As cores do Jazz “conxela” a través dos acrílicos e dos metais a improvisación característica do espírito jazzístico.

A pintora viguesa Iria Blanco e o escultopintor afincado en Verín Xosé Rivada son artistas nos que a exploración é unha constante. Por iso, a súa arte resoa no dito do popular compositor norteamericano George Gershwin: “A vida é como o jazz, é mellor cando improvisas”. Froito dese sentimento, desde o ano 2007, Iria Blanco crea cadros nos que a atmosfera dos espazos jazzísticos se plasma a través dunha estética figurativa e dunha paleta na que predominan as gamas de grises. A contemplación case hipnótica das vivencias musicais inspiradas nesas músicas, chégalle ao observador a través de obras nas que apenas os ollos se teñen que mover para seguir o discurso pictórico, mentres noutros Blanco Barca crea unha ilusión tridimensional para a que se precisa do movemento corporal do espectador da obra.

Tamén requiren do movemento do público as esculturas de Xosé Rivada inspiradas no instrumental jazzístico. Dese modo, o espectador da exposición participa dunha peculiar jazz-session, na que o fan figurarse que está sentado e que por veces ten que facer un xiro de pescozo de 360º ou mesmo acercarse ao escenario para ver con deteñemento as características dos instrumentos empregados.

Iria Blanco Barca, antes de “As Cores do Jazz” xa mostrara algúns dos seus cadros de inspiración musical, ao seleccionaren as súas obras para participar con Rufino Perales e Barreiro na Imaxina Sons 10 (Casa das Artes de Vigo). Tamén expuxo obras súas de temática diversa no Círculo de Empresarios de Galicia ou no Hospital Meixoeiro (Vigo).

Xosé Rivada ten unha longa traxectoria artística, con fitos como mostras individuais na Casa de Galicia (Madrid) ou no Museo Municipal de Ourense, esculturas públicas en espazos urbanos de cidades galegas e portuguesas; e obras súas están en propiedade de coleccionistas de arte, museos e espazos públicos de exhibición artística.

Notas de prensa


Fotos del evento


Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *